Hoxe tivemos un luns moi completo. Empezamos a xornada revisando os libros e as fichas do fin de semana e colocando todo no seu lugar (para poder levar outro libro o próximo venres, claro). Contamos un fermoso conto que nos trouxo Valeria e que nos viña ben porque estamos xa a piques de celebrar o Día das Letras Galegas recordando a Carlos Casares.
Fixemos o panel e o Willy Fog do día de hoxe (o pementeiro Aleixo) pasou lista moi, moi contento e sen quitar a máscara de león.
Recibimos máis postais para o concurso do Día das Letras Galegas. Valeria, Gabriel e Aleixo trouxeron os seus traballos relacionados coa obra de Carlos Casares que lles pareceu máis interesante: Valeria, un debuxo de "Lolo anda en bicicleta", e Aleixo e Gabriel un collage e un debuxo respectivamente de "A Galiña Azul". ¡Parabéns por participar! Alégrame que os pementeiros/as se animen a participar nos concursos do cole.
Fixemos unha actividade impresa con tranquilidade e escoitando música, como nos gusta facer (aínda que, ás veces, nos coste un pouquiño estar calados e concentrarnos). Hoxe daba gusto velos traballar. Tamén tivemos tempo de cantar e bailar as nosas cancións favoritas e de xogar, outra vez ao memory que tivo bastante aceptación na aula e ao que, a verdade, lle pillaron o tranquillo bastante ben.
E mañán, martes, seguro que volvemos a disfrutar no cole tanto coma hoxe. ¡A ver se temos máis sorpresas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario