Estes días estamos facendo as nosas tarefas habituais na aula pero con moitas baixas, porque a varicela está deixando A Pementeira sen alumnos/as. Esperamos que se vaian recuperando prontiño todos os nenos e nenas porque xa temos ganas de velos. Seguimos disfrutando co disfrace de Willy Fog. Os últimos encargados que tiveron a sorte de vestirse como o protagonista de "A volta ao mundo en 80 días" foron Mario e Noa que estaban moi elegantes, leoninos e alegres. Dame tanta envexa velos tan guapos que hoxe ata me disfracei eu coa garabata, a máscara e o sombreiro (porque a chaqueta non me sirve, claro).
¿Non me diredes que os pementeiros/as non están elegantes para pasar lista, non?
Rematado o noso cadro de Kandinsky, xa está colocado no seu marco xunto con "Amapolas" e "Cala amarela" de Georgia O´Keefe e "Bodegón" de Cezanne. O noso corredor-museo está quedando moi ben.
Como veredes no vídeo que aparece a continuación, con menos nenos/as tamen é moito máis sinxelo estar tranquilos e traballar con calma e disfrutando da música clásica. Temos máis espazo físico, máis oportunidades de falar e menos elementos distractores, claro, pero aínda así, temos que dicir que botamos de menos aos nenos que faltaron ao cole porque formamos un equipo fantástico que agora está incompleto.


