Hoxe na Pementeira fixemos moitas cousas divertidas e curiosas. Despois de traballar un pouquiño reforzando a grafomotricidade, tivemos tempo de ir á aula de psico para facer unha actividade ben graciosa. Había por alí uns animaliños que nos mandaban facer cousas, movernos de determinadas maneiras algunhas desas peticións resultaron ser ben simpáticas por certo. ¡Mirade!
Despois do recreo sacamos as fotos das cousas novas que chegaron para o recuncho do proxecto: Yeico trouxo unha maqueta da Torre Eiffel superchula, Óscar trouxo un conto dun tren que viaxa polo mundo e Hugo trouxo unhas fotografías do exterior e do interior da Ópera de Sidney.
A continuación xogamos un pouco coa PDI, construíndo casas con bloques de diferentes formas...
E, por último, inventamos un xogo moi interesante que me gustaría que repetírades nas vosas casas se vos animades. A cuestión é que estivemos reproducindo obras de arte na aula pero non pintándoas, senón facendo nós mesmos de protagonistas e personaxes dos cadros. Mirade algúns exemplos.
"El grito" de Munch
"Hombre viejo en duelo" de Vincent van Gogh
"La estrella" de Degas
Non me digades que non están poñendo todo o seu interese e as súas dotes interpretativas ao servicio da arte.
Pois ben, se vos animades podedes facer que cobren vida algunhas famosas pinturas. Elixide unha que vos guste (pode ter máis dun protagonista) e tratade de reproducila dun xeito o máis fiel posible (podedes empregar accesorios como mobles, roupa, sombreiros...) A ver se alguén se anima a facelo e traer a fotografía ao cole. `Pode ser divertido!