O outono empezou fai uns días e na Pementeira xa tivemos ocasión de degustar un biscoito de castañas, como xa comprobástedes neste blog. Pero Marcos tamén trouxo uns colgantes de castañas que lle regalou a cada un dos seus compañeiros. Hoxe podedes ver as fotos dos vosos fillos e fillas tan contentos cos seus colgantes...
O luns levamos unha sorpresa porque mentres estábamos bailando unha das nosas cancións favoritas, chegou a profe Susana e contounos un conto. Pero tamén nos fixo o favor de gravarnos mentres bailábamos. Aquí vos deixo as fotos e o vídeo
Pasámolo moi ben cando cantamos e bailamos, pero como vedes aínda temos que perfeccionar un pouco a nosa actuación. Agora ben, espero que sexades comprensivos porque fai moi pouquiño tempo que empezamos o cole así que é normal que a atención e a capacidade de concentración aumenten cada día un pouquiño máis. O importante é que comprobedes que disfrutamos xuntos e que aprendemos rápido.
Hoxe lemos un conto moi fermoso no que un pitiño que se chamaba Arturo rompía a cuncha do ovo no que se atopaba co seu peteiro. Arturo nacía desa maneira e ía descubrindo que o mundo era moi grande e había moitas cousas nel. Ás veces sentía un pouco de medo, de preocupación, de inseguridade... pero, despois, dscubriu que o abrazo da súa mamá lle proporcionaba calor e moita tranquilidade. Así que decidimos buscar a un compañeiro/a para darnos un abrazo e sentirnos máis confiados, tranquilos e seguros. Ess abrazos gustáronos moito, moito...
Outra cousa que estivemos facendo foi cantar e bailar a canción "La marcha de las letras" que fala das vocais: A,E,I,O,U. Onte escoitámola por primeira vez e foi un éxito así que hoxe repetimos e fixen unha gravación rápida para que na casa vexades como se van metendo na historia, desfilando e facendo os xestos concretos para cada vocal. Máis adiante faremos un desfile moito máis organizado, non vos preocupedes.
Espero que vendo estas fotos e estes vídeos vos dedes conta de que facemos moitas cousas na aula. Sei que estes días son complicados porque hai bastantes dramas para poñer os mandilóns, recoller xoguetes, colgar abrigos ou volver a sacar os mandilóns. É normal. No cole hai moitas obrigas e rutinas que é mellor automatizar para, despois, ter máis tempo de desenvolver actividades máis variadas. Quero explicarvos que estou facendo un reforzo positivo (non está ningún neno/a castigado nin nada similar por non poñer o mandilón) o cal implica que aqueles nenos/as que intentan poñer o mandilón e os que o consiguen xa sen axuda teñen un pequeno premio: poden xogar cos animais mentres os outros acaban e levan un gomet na libreta. Tamén vos vou pedir que non teñades aos nenos/as na casa poñendo e quitando mandilóns e a abotonándoos, porque, ao final, o que se consigue é que aínda se poñen máis nerviosos e rexeitan máis esa tarefa. Sei que vos pedín que os animárades a vestirse e desvestirse solos pero dentro do que é a actividade cotián, non pretendo que teñan un "entrenamento", uns deberes na casa. Insisto, creo que se consigue todo o contrario. É normal que xa non teñan ganas de vir ao cole se os tivéstedes "traballando" na casa toda a tarde, e encima veñen coa presión de que non lles sae ben. Eu só lles pido que o intenten, que non choren e que teñan paciencia mentres estou dándolle as indicacións e axudando a outros compañeiros (isto é moi, moi difícil).
Tamén lles estou deixando un libriño cunha sinxela poesía das vocais para levar a casa, e que teñen que traer ao día seguinte. Neste caso, o libro estoullo deixando aos que consigan poñer o mandilón e, ademáis, vaian cumplindo normas como non berrar, recoller os xoguetes, e escoitar as miñas indicacións. Hoxe todos querían levalo pero xa lles expliquei que só pode ser un o que o faga e que eu vou elixir o que intente facer as cousas e se porte ben. Por suposto, o libro levarano todos nos vindeiros días. Eu quero que o vexan con vos e que disfruten destas cousas en familia así que conto coa vosa colaboración para que lle adiquedes un momentiño aos vosos fillos/as lendo o poemiña e que os felicitedes por levalo.
