Hoxe empezamos a xornada cun pequeno disgustiño porque nada máis entrar comunicáronos que se suspendía a visita á Casa Museo de Rosalía de Castro debido ao frío. En fin, quedamos un pouco "chafados" pero resulta que en menos que canta un galo xa nos pasou o disgusto porque Marcos chegou cunha sorpresa tremenda que ninguén esperaba:
¡TROUXO NEVE DESDE A SÚA CASA ATA O COLE!
Marcos estivo explicándonos como recolleu a neve arredor da súa casa e que ata se formaron "como paíños de neve" nas escaleiras da piscina. Así que aproveitamos para aprender unha palabra nova: CARÁMBANO
A continuación Alejandro Vázquez Seco mostrounos unhas cunchas que trouxo fai uns días e que eu esquecera fotografiar (e agora na Pementeira hai que sacar foto de todo sin disculpa). Alex explicounos de que era cada cuncha: de navalla, de nécora, de chopo, de berberecho, de ameixa, de caramuxo, de lapa, de ourizo... Estivemos vendo en que se diferenciaban unhas das outras e a caracola pequeniña que trouxo e o ourizo gustáronos moito a verdade.
E despois de empezar a traballar un pouquiño sobre mulleres importantes que sexan coñecidas polo desenvolvemento dunha actividade concreta que supuxera unha aportación á sociedade, Valeria trouxo dous libros que relatan a historia de Frida Kahlo e Marie Curie. Hoxe estivemos lendo, e así recordando, a vida da pintora Frida Kahlo. E mañán coñeceremos a Marie Curie (hoxe xa lles adiantei un pouquiño o que ela descubreu pero mañán falarémolo con máis calma)
Estamos preparando a celebración do Día da Muller Traballadora que se conmemora o 8 de marzo. Para iso o primeiro paso que eu quería dar era promover unha pequena reflexión que todos temos que facer sobre a presencia das mulleres na sociedade dun xeito visible, activo e valorado en condicións de igualdade cos homes. As mulleres practicamente non estén presentes nos libros de texto, nos documentais que vemos na TV, nos traballos de investigación científica ou histórica... e se nos paramos a pensar cantos homes importantes coñecemos (escritores, pintores, científicos, aventureiros, inventores, descubridores, deportistas...) a lista é enorme. Pero en canto pasamos a falar de mulleres, a lista é moito máis curta sen dúbida.
Iso foi o que fixemos onte e hoxe na Pementeira: falar de homes e mulleres importantes e mirade como quedaron as nosas dúas listas.
¿Qué vos parece? A primeira lista xurdeu sen dificultade, todos tiñan nomes que aportar. A segunda lista precisou de varias pistas para ir recordando cousas que traballamos no cole e, aínda así, non conseguín que recordaran algunhas mulleres sobre as que traballamos o curso pasado como pode ser Frida Kahlo. E cando lles dixen que pensaran nalgunha cantante, xa vedes as que apareceron. Non sei se podemos dicir que son importantes ou non pero polo menos para os pementeiros/as son visibles no seu día a día.
Pois ben saquemos conclusións: é evidente que non podemos cambiar o curso da historia e non temos que ocultar a importancia de moitos homes, pero seguro que se lle poñemos interese tamén atoparemos moitas mulleres que fixeron cousas fantásticas en moitos campos profesionais e que quizá non foron recoñecidas pola súa contribución á sociedade.
Así que empezamos a traballar. Desde o equipo de extraescolares do centro, fixemos a proposta de investigar sobre mulleres relevantes ao longo da historia e cada grupo-aula vai traballar sobre unha ou varias mulleres que tiveron algo que dicir, que loitaron por algo, que deron un paso adiante para demostrar que tiñan moito que aportar.
E na Pementeira empezamos por coñecer a MIRIAM MAKEBA, unha cantante sudafricana que, ademáis, foi unha auténtica activista na loita pola defensa dos dereitos humanos e contra o apartheid.
Aprendemos algunhas cousiñas sobre ela pero tamén disfrutamos escoitando e bailando a súa música, esa que ela empregaba para facer visible a súa raza e para falar da inxustiza que se vivía no seu país pola culpa do apartheid. E mirade que bo ambiente se crea na aula escoitando UYADELA ou bailando PATA PATA, probablemente a súa canción máis coñecida, con Just Dance.
E agora estamos elaborando un cartel sobre Miriam Makeba para participar nunha exposición no cole sobre Mulleres Importantes. Se vós, nas familias, admirades a labor desenvolta por algunha muller no campo das artes, a literatura, a ciencia, a investigación de calqueira tipo, a loita social... non dubidedes en falarlle aos vosos/as fillos/as sobre elas.
E hoxe o pementeiro que levou a casa a mochila pirata con moita alegría foi Izan. Espero que a disfrute moito.