Xa estamos de volta. Acabamos as vacacións de Pascua e agora acometemos a recta final do curso. Hoxe viñeron pouquiños nenos e nenas ao cole pero pasámolo xenial. De feito algúns dixeron: "Cando veñan os outros van levar unha sorpresa e van dicir: ¡Cómo moooola!"
Primeiro estivemos falando largo e tendido das nosas vacacións. Como xa imaxinaredes o núcleo central da conversa foron as atraccións da Pascua. Entereime perfectamente de todo o que había na festa, en que subiu cada un e ata os premios que gañaron pescando patiños. Despois eu tamén lles contei o que fixen eu pero creo que non lles pareceu tan impotante; a verdade ¿a qun se lle ocurre viaxar a Holanda en vez de vir á Pascua de Padrón?
O que sí lles interesou un pouco máis foi plantar os bulbos de tulipáns que trouxen: observámolos con atención, vimos que se parecen un pouco a unha cebola e, a continuación, botamos terra nun testo e colocamos os bulbos enterradiños. Por último regamos ben e agora temos que coidalos e esperar pacientemente a que medren (o de "pacientemente" non sei se o conseguiremos porque unha hora máis tarde de plantalos xa ían comprobar se saíran os tulipáns!!!)
Despois estivemos vendo imáxenes dos muíños de vento, os campos de tulipáns, os canales e as casas de Amsterdam, as bicletas que circulan por todos os lados en Holanda... e escoitamos o conto de "Camille y los girasoles" sobre Vincent van Gogh. Mostreilles tamén no blog os nosos traballos sobre este pintor holandés feitos o curso pasado dentro do proxecto sobre arte (porque non se acordaban) así como as imaxes dalgunhas pinturas de Vermeer que tamén era holandés (e neste caso sí que recordan "A xove da perla" e "A leiteira").
Tivemos tempo de xogar cos outros nenos e nenas de infantil na aula de psico e tomar a merenda todos xuntos. Cando estabamos na aula de psico caeu un pedrazo tan forte que quedamos todos abraiados.
E, para rematar o día, estivemos probando como funcionaba un robot que tíñamos na aula. Fai uns días falando do mar, das mareas e da lúa, moitos pementeiros/as dixeron que querían ser astronautas e recordei que nunha ocasión que fixemos un proxecto sobre o Universo, trouxen para o cole un robot semellante aos vehículos que se empregan nas investigacións na Lúa ou en Marte.
O que pasaba era que non funcionaba porque seguramente estaba sin pilas. Así que aproveitando que hoxe tiña dúas pilas novas e falaban aínda uns minutos para ir ao comedor, decidimos comprobar se agora funcionaría. Nin que dicir ten que foi un éxito, e o noso robot lunar que se chamaba Philae (como o módulo de aterrizaxe que no 2014 se lanzou desde a sonda espacial Rossetta ata un cometa para estudialo) fixo as delicias de todos os que tiveron a sorte de velo.
¡Non estivo nada mal o primeiro día do terceiro trimestre!
No hay comentarios:
Publicar un comentario