Hoxe foi un día importante dentro do Programa Espacial de Infantil do Rosalia (PEIR). O robot Philae tiña unha nova misión: despois de explorar a Pementeira, chegou o momento de explorar un novo territorio, a aula A Sementeira, na que están os nenos e as nenas de 5 anos.
Tivemos que preparar a misión con coidado.
1.-O primeiro foi escribir a mensaxe que Philae tiña que entregar na aula veciña cando chegase para realizar a súa exploración do territorio sementeiro.
2.- Tras a colocación da mensaxe no robot, todos os pementeiros fomos moi, moi caladiños cara a porta da Sementeira para iniciar a misión exploratoria coa intención de coller por sorpresa aos sementeir@s.
3.- Con sumo coidado abrimos a porta da aula e puxemos a Philae en funcionamento. A primeira parte deste paso sucedeu de maneira exitosa: ninguén escoitou que abríamos a porta e Philae entrou dereitiño cara adentro. Pero na segunda parte deste paso, tivemos un pequeno erro: a mensaxe non estaba ben suxeita e caeu na entrada. Aínda así, atopouna un neno e xa lla entregou á profe Ana.
4.- Philae moveuse por toda a aula realizando correctamente a súa misión exploratoria. Non atopou signos de vida extraterreste. Pensamos que todos os individuos que se encontraban na Sementeira son exemplos claros de que hai vida intelixente nesta aula.
5.- Un habitante da Sementeira realizou a lectura da mensaxe de paz de Philae ante a atenta mirada dalgunhas das visitantes pementeiras.
6.- Os habitantes da Pementeira aproveitaron a situación para facer a súa propia exploración do territorio sementeiro e descubriron un cohete espacial que os deixou coa boca aberta.
7.- Tras o éxito da misión de paz de Philae na Sementeira, os habitantes pementeiros despídense para retornar ao seu territorio e preparar a seguinte misión programada dentro do PEIR (Programa Espacial de Infantil do Rosalía)
PRÓXIMA MISIÓN: EXPLORAR O PASEO DO ESPOLÓN (TERRITORIO DOS NOVOS HABITANTES DO COLE ROSALÍA QUE TEÑEN 3 ANOS)